Blog do Club de Ciencia do IES Arcebispo Xelmírez II

Xeral

STEMbach en Xenebra: primeiro contacto coa cidade

Tras un voo tranquilo e cumprindo horario, xa tivemos ocasión de coñecer a cidade.

Desde o aloxamento bordeamos o lago, pasando polo Bain des Pâquis, desde o que puidemos admirar unha magnífica vista do Jet d’Eau… Tiñamos dúbidas de se estaría en funcionamento, pero si! Xa vos contaremos, sen embargo, que non todo o día…

Achegámonos ao centro histórico, onde puidemos visitar a Maison Tavel e pasear polas rúas centenarias. Nesta primeira xornada xa comezamos a resolver as cuestións do noso Quiz.

Xeral

O alumnado STEMbach viaxa ao CERN

Por fin! Despois da viaxe realizada en 2019, as seguintes viaxes para visitar o Centro Europeo de Investigación Nuclear tiveron que ser canceladas ou adiadas

Este curso foi posible organizala novamente, e como hai que aproveitar a oportunidade, decidimos viaxar co alumnado de ambos cursos, 1º e 2º, do noso bacharelato STEM.

Despegamos!

Actividades

Visita do alumnado STEMbach ao CiMUS

O alumnado do bacharelato de excelencia tivo a ocasión de visitar un dos centros singulares da USC, o CiMUS.

Fomos recibidos por Carme, quen nos explicou en detalle a estrutura do centro e as súas principais liñas de investigación.

A continuación, puidemos visitar algún dos laboratorios e dependencias.

Puidemos coñecer de primeira man liñas de investigación no ADN, a preparación de mostras, técnicas de centrifugación, os medios que se empregan para a crioxenización, a xestión do material de laboratorio e diferentes microscopios dispoñibles no centro, entre outras cousas.

Agardamos volver o vindeiro curso coa seguinte promoción STEMbach!

Xeral

O alumnado do club de ciencia completa o proxecto TEMP Phereclos cunha xornada no campus da USC en Lugo

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é image001-phereclos-3.png

Trala estadía en Porto, o 2 e 3 de setembro, o proxecto TEMP Phereclos continuou a súa andaina cunha xornada en Lugo.

Os anfitrións foron nesta ocasión o decano da Facultade de Administración e Empresas, Roberto Bande, que se volcou nunha organización perfecta e estivo pendente en todo momento de todos os asistentes e do máis pequeno detalle. Moitas grazas!

Na xornada de mañá, comezamos nesa facultade coa benvida do decano e dúas interesantes charlas sobre experiencias reais de emprendemento, nos campos científico-tecnolóxico (a cargo de Elio López, CEO de Innogando), e das humanidades e ciencias sociais (a cargo de Leticia Seara, de Lexdigo).

A continuación, o alumnado dos centros participantes presentou as súas propostas de aplicación para a resolución dun problema relacionado cos desafíos que se traballaron en Porto. O nivel das ideas presentadas foi moi elevado, e moitas merecerían o seu desenvolvemento para levalas á realidade.

Tras unha pequena pausa, Begoña Barreiro, profesora na facultade ADE-USC Lugo, presentou as bases do modelo CANVAS para a realización de proxectos.

Tralo almorzo, visitamos a empresa AMSLab, magnífico exemplo de empresa de aplicación tecnolóxica xurdida do emprendemento dos seus fundadores e baseada no coñecemento científico. A empresa realiza análises e controles de propiedades de diversos produtos: farmacéuticos, alimentarios ou téxtiles, por exemplo.

A continuación, Xoan Carlos, profesor do IES Lucus Augusti, amosounos o seu precioso centro, así como parte do museo correspondente a este Centro Histórico, o instituto máis antigo de Galicia.

Finalizamos a xornada asistindo ás actividades da “G-Night”, Noite dos investigadores, organizadas no centro sociocultura O Vello Cárcere, no centro de Lugo. Había diferentes obradoiros con temáticas relacionadas co electromagnetismo, a análise do ADN, a robótica ou a fotosíntese artificial.

Xeral

Última xornada do proxecto TEMP Phereclos en Porto

O venres 3 de setembro estaban previstas as últimas actividades desta fase do proxecto.

Pola mañá o alumnado visitou a Fundación da Xuventude, no centro da cidade, na que foi recibido pola súa presidenta executiva, Carla Mouro.

Acompañada por outros membros do equipo profesional desta entidade, presentou as principais actividades da Fundación e animou o alumnado e o profesorado a participar en vindeiras edicións das Mostras Nacionais de Ciencia e de Xoves Emprendedores.

Vítor Silva acompañounos despois para facer un percorrido polo centro histórico da cidade.

Pola tarde, visitamos o Laboratorio Ferreira da Silva, ubicado no actual Museo de Historia Natural e Ciencia da Universidade de Porto, e vencellado a ela desde a súa fundación, primeiro como laboratorio docente, despois como laboratorio de investigación e finalmente como dependencia do propio Museo, e que acadou o seu magnífico estado actual tras unha profunda restauración rematada hai pouco máis dun ano.

Como complemento máis lúdico a estas dúas intensas xornadas, realizamos un pequeno percorrido en barco por algunhas das pontes que permiten cruzar o río Douro na cidade de Porto e a súa contorna.

Xeral

Segunda sesión do proxecto TEMP Phereclos na PBS

A sesión de tarde do día 2 de setembro foi aberta por Roberto Bande, decano da facultade de ADE da USC-Lugo, que comentou as liñas xerais da xornada do proxecto que terá lugar nesa facultade o vindeiro 24 de setembro e animou o alumnado a perfilar as súas ideas no obradoiro que se celebrou xusto a continuación para poder elaboralas de cara á súa presentación na xornada de Lugo.

De seguido, o alumnado desenvolveu o obradoiro no que se completaron os conceptos e técnicas traballados nas sesións virtuais de abril, en relación cos métodos e técnicas do Design Thinking.

En relación con dous “Desafíos”, a promoción do uso responsable dos recursos naturais por parte da poboación e o emprego da tecnoloxía para combatir o cambio climático e os desastres naturais en relación con el, realizaron diferentes actividades: en primeiro lugar a elaboración dun póster que lles permitise definir o problema e establecer os elementos que o compoñen, a continuación elixir un aspecto concreto do Desafío de cara a elaborar propostas de solución, establecer os perfís de usuarios potenciais que se ven afectados por ese aspecto utilizando o “Esquema Personas” e finalmente concretar os beneficios que as solucións propostas conlevarían para eses usuarios.

Traballaron moi duro durante toda a tarde!

Xeral

Primeira sesión do proxecto TEMP Phereclos na PBS

Á nosa chegada á Porto Business School da Universidade de Porto (cun pequeno retraso…) fomos amablemente recibidos polos organizadores.

As sesións desta xornada do xoves 2 de setembro desenvolvéronse nunha magnífica sala multidisciplinar do 4º andar.

Sara Mendes (Entrepreneurship & Innovation, PBS) fixo unha presentación desta singular facultade, comentando como foi posta en marcha e a súa filosofía de traballo. A continuación, Vítor Oliveira Silva (Comunicación e Imaxe da Reitoría da U. de Porto) presentou as liñas mestras do proxecto Phereclos.

A seguinte actividade foi unha charla, “Un vals en catro tempos: ensino superior e gestión da carreira”, a cargo de Paulo Jorge Santos, que disertou sobre a importancia da elección dos estudos e da xestión axeitada dunha carreira profesional e comentou numerosos exemplos da realidade.

Tiago Silva e Joana Moreira indicaron a continuación os obxectivos para o resto da xornada, centrada no estudo e aplicación de técnicas e métodos do Design Thinking, e fixeron un breve repaso dalgúns conceptos traballados nos obradoiros telemáticos realizados no mes de abril.

De ilustrar aspectos reais de gran potencial, interese e actualidade encargáronse dous profesionais: Cristina Calheiros (enxeñeira medioambiental, actualmente no Ciimar) fixo unha dinámica presentación sobre as solucións innovadoras que se están a aplicar e a desenvolver para avanzar nunha simbiose entre natureza e tecnoloxía co obxectivo de reducir as consecuencias do desenvolvemento urbano, e do proxecto europeo “Das cidades circulares” no que participa, e Miguel Tato Diogo (enxeñeiro de minas e profesor na Facultade de Enxeñaría na UPorto), con grande simpatía, elixiu os Geoparks certificados pola UNESCO como exemplo de xestión de espazos xeolóxicos singulares.

Xeral

O alumnado do proxecto TEMP Phereclos viaxa a Porto

No marco do desenvolvemento do proxecto TEMP Phereclos, no que o IES Arcebispo Xelmírez II participa, xunto cos IES N. Sra. dos Ollos Grandes e Lucus Augusti (ambos de Lugo), realizouse unha viaxe a Porto para visitar a Porto Business School (PBS) da Universidade de Porto, asistir a conferencias, realizar unha visita á Fundación da Xuventude e asistir a un obradoiro de emprendemento.

Ler máis

Xeral

O Campus de Lugo da USC e a Universidade de Porto promoven un intercambio de estudantes de secundaria de Galicia e Portugal no mes de setembro

A iniciativa é unha acción resultante do proxecto europeo Phereclos, no que participan XuvenCiencia e a facultade de ADE luguesa. O alumnado manterá conversas con responsables de empresas tecnolóxicas lusas

Un grupo de 35 alumnos de Bacharelato dos institutos Arcebispo Xelmírez II de Santiago, e N. Sra. dos Ollos Grandes e Lucus Augusti de Lugo  ultiman os preparativos para viaxar á cidade de Porto os días 2 e 3 de setembro, onde participarán en obradoiros formativos incluídos no proxecto europeo Phereclos baixo a supervisión de XuvenCiencia e a facultade de ADE do Campus de Lugo da USC e da Universidade de Porto. 

O alumnado dos institutos galegos asistirá a un obradoiro articulado por Tiago Silva, da Porto Business School, e Roberto Bande, decano da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC. O propósito desta actividade consiste en continuar coa actividade en emprendemento tecnolóxico que os tres grupos de estudantes xa realizaron durante o curso pasado no marco do proxecto Phereclos. Así, os e as adolescentes comezarán a deseñar ideas empresariais baseadas nos kits de experimentación científica de XuvenCiencia.

Así mesmo, os estudantes terán a oportunidade de manter unha conversa co CEO do Sonae Tech Hub, na área de IT de Sonae, unha empresa de múltiples divisións tecnolóxicas que é a maior empregadora privada de Portugal. 

O grupo galego fará noite nunha residencia da Universidade de Porto para o venres, día 3 de setembro, asistir na UPTEC (Parque da Ciencia e da Tecnoloxía da Universidade de Porto) a relatorios e conversas con responsables de start-ups da contorna da segunda cidade de Portugal. Xa pola tarde, os e as estudantes visitarán o Museu de História Natural e Ciência da Universidade de Porto e o Laboratório Ferreira da Silva, que atesoura 300 anos de historia da investigación química. 

A segunda parte do intercambio terá lugar o 23 e 24 de setembro, cando un grupo de estudantes da Profival, unha escola de Formación Profesional da municipalidade de Valongo, na área metropolitana de Porto, desprazarase ata Lugo para participar nun obradoiro presencial que se desenvolverá la facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, a carón dos alumnos dos tres institutos galegos que participan neste proxecto Phereclos.

Unha longa colaboración

Este intercambio está coordinado polos responsables do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi; o decano da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, Roberto Bande Ramudo, e Vítor Silva, da reitoría da Universidade de Porto. Grazas ao seu traballo conxunto e á participación dos institutos galegos Ollos Grandes, Lucus Augusti e Xelmírez II e o portugués de Valongo, a Porto Business School e a asociación Escola-ON naceu esta iniciativa galegoportuguesa de emprendemento tecnolóxico. 

O equipo transnacional no que toman parte XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo está liderado pola Universidade do Porto, a través da súa Universidade Júnior, que participa do proxecto PHERECLOS da convocatoria europea Horizon2020. O proxecto PHERECLOS (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), que se podería traducir como Colaboracións para Camiños cara a unha Educación Superior e Compromiso Científico en Grupos Rexionais de Escolaridade Aberta, está integrado por universidades para nenos e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.

XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto manteñen unha longa colaboración que ten como orixe a pertenza de ambas as institucións á Eucu.net, a rede das universidades europeas para a infancia e a mocidade, e nos exitosos campamentos para público preuniversitario que organizan tanto o grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC como o seu homólogo portugués.

Xeral

O alumnado de 1º STEMBach visita a Facultade de Matemáticas

Que gañas tiñamos de comezar as visitas este curso! Non podemos desenvolver todas as que nos gustaría, pero pouco a pouco algunhas van collendo corpo.

Nesta ocasión, o xoves 17 de decembro o alumnado de 1º puido realizar a interesante visita a esta facultade, que o alumnado de 2º puido facer o curso pasado xusto antes da interrupción das actividades.

Fomos recibidos, como vén sendo habitual, pola decana da facultade, Elena Vázquez Cendón, que guiou ao alumnado no percorrido polas instalacións. Puidemos observar in situ o esforzo realizado para adaptar as aulas ás necesidades da docencia nestes tempos “telemáticos”.

A continuación acudimos á Aula Magna, na que nos agardaba a profesora Elena Vázquez Abal, e puidemos desfrutar da súa presentación sobre xeometría: dun xeito moi didáctico e ameno fixo reflexionar ao alumnado sobre a existencia doutras xeometrías diferentes da euclídea, en particular a esférica. Unha charla deliciosa.

Temos que agradecer enormemente, como sempre, a implicación e a acollida por parte da decana da facultade, Elena Vázquez Cendón, que non pode implicarse máis nin tratarnos mellor. De parte de toda a comunidade educativa do noso centro, moitas grazas!