Actividades

Proceso de experimentación no proxecto Aqua e subida de datos

Esta semana comezamos xa a compartir na web de Aqua os datos que estamos obtendo coas medidas da calidade da auga da traída nas casas das nosas alumnas e alumnos. Fundamentalmente son datos obtidos na área de Santiago de Compostela norte e en Sigüeiro. Nas mostras que levamos, en promedio, o pH está en 5,5 e a concentración de cloro en 0,4 mg/L.

No vídeo podedes ver un exemplo de como facemos as medidas. De novo amosamos os compoñentes do kit de medida, como cambia a cor da auga ao engadir a pastilla pola reacción co cloro e como cambia a cor da tira reactiva para a medida de pH, finalmente a ficha na que anotamos os datos para finalmente subilos á web.

Decidimos que o alumnado non suba os datos desde a casa no momento da medida, preferimos que rexistren todos os datos nunha ficha que arquivamos e facemos a subida xa de volta no centro educativo, axustando data e localización a man.

Dese xeito podemos revisar os datos antes de subilos e descartar algunha das medidas se sospeitamos que pode conter algún erro. En particular, nun par de probas non se observou presenza de cloro no momento de realizar a medida, e ante a dúbida de que algo fose mal na experiencia optamos por repetila.

Deixar un comentario